Buscador

Localidade
Espazo
Ámbito
Compañía / Grupo
mes anteriorsetembro 2010mes seguinte
LMMeXVSD
    
2
 
 
6
7
 
 
13
14
 
 
20
21
22
 
 
28
29
    

Que é ?

Que é Galicia móvese ?

Galicia móvese é a axenda de espectáculos escénicos e musicais máis grande e completa de Galicia. Nela podes consultar toda a programación cultural que a Consellería de Cultura e Turismo propicia por todo o noso país en cooperación cos concellos, as asociacións culturais e as salas privadas de teatro e música. Agardamos que sexa da túa utilidade e atopes nela o que andas buscando.

Que atoparei nela ?

A grande parte das actividades que conforman a axenda derívanse das seguintes redes e circuítos promovidos pola Consellaría de Cultura:

Camiños de Cultura

Espectáculos de música (clásica, pop, rock, folk, jazz...), maxia, teatro, monicreques, humor, circo, danza, narración oral, animación de rúa... O programa Camiños de Cultura da Consellería de Cultura está pensado para apoiar a programación cultural estable en espazos públicos dos concellos. En 2010, participarán 203 concellos de menos de 50.000 habitantes.

O obxectivo da Consellería coa iniciativa Camiños de Cultura, prolongación lóxica do ideograma principal Galicia Móvese: a cultura necesita dos camiños para moverse, é colaborar na programación cultural dos concellos galegos, ampliando os meses de actividades para que teñan unha programación estable o máis ampla posible, respondendo así a unha demanda dun público diverso que se beneficiará dunha variada oferta de estilos con espectáculos tanto en espazos abertos como pechados.

Rede Galega de Música ao Vivo

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) púxose en marcha en 2007 en colaboración con Clubtura, asociación de salas galegas de música en directo, como unha aposta decidida da Consellería de Cultura e Deporte pola atención específica ás necesidades de difusión dos grupos musicais e solistas galegos de todos os estilos.

O obxectivo desta programación, que xa no seu primeiro ano de actividade ofreceu preto de 800 concertos a cargo duns 70 grupos en 49 salas de toda Galicia, é lograr a consolidación dun circuíto musical estable que sirva como plataforma de promoción para bandas e artistas de todos os estilos e contribúa a optimizar a súa presenza no territorio galego.

A RGMV representa tamén a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos programadores dos locais que ofrecen música en directo, ao tempo que dota dunha estrutura de distribución sistematizada ao sector musical, á que poden acceder tanto formacións emerxentes como outras máis consolidadas.

Dende 2008, a programación da Rede Galega de Música ao Vivo leva o nome de Carlos Humberto Díaz Pérez, en recoñecemento e memoria a un dos impulsores e artífices deste proxecto de difusión musical.

Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas

Promovidas pola AGADIC, en colaboración con medio cento de concellos e entidades de toda Galicia, a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e a Rede Galega de Salas (RGS) comparten como obxectivo prioritario proporcionarlles aos cidadáns unha oferta cultural ampla, plural e aberta, aproveitando os recursos e a riqueza de propostas do sector escénico e musical galego. Ao tempo, os nosos profesionais contan con dúas canles de distribución estables, a través das que se busca contribuír ao fortalecemento e consolidación dos seus respectivos ámbitos artísticos.

Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal instrumento para promover a distribución das producións escénicas galegas. Estrutúrase baixo unha fórmula dunha rede de espazos –dos que son titulares uns 45 concellos e entidades de toda Galicia– na que se desenvolven cinco tipos de programación: teatro para público adulto, teatro infantil, danza, maxia e música de cámara.

Despois do proceso de reforma e regulación legal ao que foi sometida en 2006, a RGTA iniciou unha nova fase marcada pola súa consolidación definitiva como o principal medio de distribución dos espectáculos profesionais galegos. Os cambios déixanse ver na intensificación da programación, así como na suba notable na cifra media de representacións por compañía e nun aumento tamén destacado na facturación por cada formación artística. Asi mesmo, na dinámica de distribución procurouse establecer mecanismos máis axeitados, estables e útiles para os creadores, de referencia para os públicos e máis ordenados e lóxicos para os concellos e entidades participantes.

A AGADIC asume en todas as programacións desta Rede unha porcentaxe do custo de cada función, que oscila entre o 30% e o 60%, dependendo de factores diversos como o tipo de programación, o número de habitantes do concello destinatario e o importe do caché da compañía ou artista contratado.

Rede Galega de Salas

Este circuíto de programación escénica está deseñado e organizado pola AGADIC e os titulares de catro salas de ámbito privado: Sala Nasa en Santiago de Compostela, Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle en Vigo, e Teatro del Andamio na Coruña. Iniciou a súa actividade no mes de febreiro de 2007, ano durante o que programou un centenar de funcións.

O catálogo de propostas da Rede Galega de Salas caracterízase fundamentalmente pola súa multidisciplinariedade. Así, ao seu abeiro prográmanse espectáculos de teatro de actor e de monicreques, danza, circo, cabaré, maxia e outras modalidades das artes escénicas, buscando en todo momento unha oferta artística rica, diversa e que cubra as demandas e necesidades de público, programadores, creadores e artistas.

A planificación dos espectáculos das salas ten carácter semestral, en dous períodos que van de xaneiro a maio e de setembro a decembro, cunha programación mínima anual de cinco compañías e 30 funcións por sala. O 70% da programación de cada espazo desta Rede corresponde a compañías galegas.

PROGRAMACIÓNS