Carlos Humberto Díaz Pérez nace en Vigo o 24 de setembro de 1959. A pesar de que a residencia habitual da familia estaba en Vigo, a casa da avoa na vila de Corrubedo (Ribeira, A Coruña) e o mar foron referentes na súa vida.
Estudou no Colexio Muro de Vigo ata rematar o ensino secundario. Dende moi pequeno empezou a practicar natación, sendo membro do Real Club Náutico de Vigo, onde foi nadador profesional e acadou un bo número de trofeos e medallas.
Rematado o bacharelato, cambia de residencia e viaxa a Santiago de Compostela para iniciar a etapa universitaria: Licenciatura en Pedagoxía. Especialidade en Intervención Socio-Educativa.
Durante a época de estudante en Santiago, traballou en varios establecementos hostaleiros. Como industrial da hostalaría, xestor e administrador de establecementos do sector, puxo en marcha Costa Oeste, o primeiro local de música ao vivo en Ribeira.
Comeza a súa traxectoria profesional, rematados os estudos universitarios, en Verín (Ourense), sendo responsable dunha academia de estudos; mais tamén participou na promoción de actividades culturais durante a súa estadía nesta vila, onde coincidiu co escritor Xosé Carlos Caneiro.
No ano 1993 establece a súa residencia en Allariz (Ourense), vila natal da súa muller, Rita Cid Vila, onde exerce como director-coordinador da empresa Escola-Obradoiro Ziralla.
Posteriormente desempeñou funcións de axente de emprego e desenvolvemento local no Concello de Allariz. No ano 2002 inicia unha nova etapa profesional como técnico da Área de Promoción Económica do devandito Concello e xerente do Grupo de Acción Local Avinza, dentro do programa AGADER da Xunta de Galicia.
Durante eses anos participou tamén como relator e/ou docente en diversas accións formativas: seminarios, xornadas, másters.
Coparticipou no ano 2000 nun proxecto cultural en Allariz: o Café Cultural Roi Xordo, unha sala de pequeno formato que conta cunha programación estable de música ao vivo ao longo de todo o ano.
Aínda 'mar adentro', o mar seguiu estando moi presente na súa vida e foi membro activo da Plataforma Nunca Máis.
Foi membro fundador da asociación de salas de música ao vivo Clubtura.
Finou o 31 de agosto de 2007, aos 47 anos de idade.