Buscador

Localidade
Espazo
Ámbito
Compañía / Grupo
mes anteriorxullo 2009mes seguinte
LMMeXVSD
    
2
3
4
5
 
 
6
9
 
 
13
 
 
20
 
     

Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas

Promovidas polo IGAEM, en colaboración con medio cento de concellos e entidades de toda Galiza, a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e a Rede Galega de Salas (RGS) comparten como obxectivo prioritario proporcionarlles aos cidadáns unha oferta cultural ampla, plural e aberta, aproveitando os recursos e a riqueza de propostas do sector escénico e musical galego. Ao tempo, os nosos profesionais contan con dúas canles de distribución estables, a través das que se busca contribuír ao fortalecemento e consolidación dos seus respectivos ámbitos artísticos.

Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal instrumento do IGAEM para promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas.

Actualmente, estrutúrase baixo a fórmula dunha rede de espazos –dos que son titulares uns 45 concellos e entidades de toda Galiza– na que se desenvolven cinco tipos de programacións:teatro para público adulto, infantil, danza, maxia e música de cámara.

Despois do proceso de reforma e regulación legal ao que foi sometida en 2006, a RGTA iniciou unha nova fase marcada pola súa consolidación definitiva como o principal medio de distribución dos espectáculos profesionais galegos. Os cambios déixanse ver na intensificación da programación, así como na suba notable na cifra media de representacións e na facturación por compañía.

Así mesmo, as novas normas da Rede Galega de Teatros e Auditorios posibilitan que a oferta de espectáculos e compañías que entran no circuíto diminúa e se racionalice, o que propicia unha nova dinámica de distribución, con mecanismos máis axeitados, estables e útiles para os creadores, de referencia para os públicos e máis ordenados e lóxicos para os concellos e entidades participantes.

Poden solicitar a incorporación á RGTA todas as entidades públicas, así como outras persoas xurídicas titulares de teatros, auditorios, casas da cultura e outro tipo de espazos escénicos galegos, sempre que reúnan os requirimentos técnicos esixidos.

O IGAEM asume en todas as programacións desta Rede unha porcentaxe do custo de cada función, que oscila entre o 30% e o 60%, dependendo de factores diversos como o tipo de programación, o número de habitantes do concello onde se atope a sala ou espazo escénico e o importe do caché da compañía ou artista contratado.

Rede Galega de Salas

Este circuíto de programación escénica está deseñado e organizado polo IGAEM e os titulares de catro salas de ámbito privado: Sala Nasa en Santiago de Compostela, Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle en Vigo, e Teatro del Andamio na Coruña. Iniciou a súa actividade no mes de febreiro de 2007, ano durante o que programou un centenar de funcións.

O catálogo de propostas da Rede Galega de Salas caracterízase fundamentalmente pola súa multidisciplinariedade. Así, ao seu abeiro prográmanse espectáculos de teatro de actor e de monicreques, danza, circo, cabaré, maxia e outras modalidades das artes escénicas, buscando en todo momento unha oferta artística rica, diversa, axeitada aos especiais formatos destes espazos, e que cubra as demandas e necesidades do seu público, programadores, creadores e artistas.

A planificación dos espectáculos das salas ten carácter semestral, en dous períodos que van de xaneiro a maio e de setembro a decembro, cunha programación mínima anual de cinco compañías e 30 funcións por sala. O 70% da programación de cada espazo desta Rede corresponde a compañías galegas.

PROGRAMACIÓNS